Outros naufraxios na Costa da Morte

Imaxe: www.rutadelosnaufragios.com

Wolfstrong

Novembro de 1870 | A Negra, Arou

O Wolfstrong era un barco mixto, de vela e paletas, que naufragou preto da Illa a Negra por causas descoñecidas. Foi en novembro do 1870 cando unha mañá os veciños de Arou espertaron e se decataron do naufraxio do buque inglés. Non tiveron tempo de dar rescate a ningún náufrago. Cando se achegaron á costa, tan só atoparon varios cadáveres mutilados nos cantís e os restos do buque perdido no mar. Faleceron os 28 homes que formaban parte da súa tripulación. 

Imaxe: www.cronicamaritima.es

Iris Hull

5 de novembro de 1883 | Punta do Boi

O vapor cargueiro  Iris Hull, con 38 mariñeiros abordo, levaba un cargamento de carbón de Cardiff á India cando colidiu nos baixos de Punta do Boi o 5 de novembro de 1883. A súa tripulación sufriu unha auténtica agonía. O mal estado do mar impediu que ningunha embarcación dos veciños de Camariñas puidera achegarse aos nove tripulantes que loitaron durante horas aferrados aos dous mastros que quedaban sobre da auga mentres o barco afundía. Pereceron todos agás un, que conseguiu chegar á costa a nado, e foi recollido en moi mal estado á mañá seguinte ao naufraxio.
Os corpos das vítimas do vapor inglés que puideron ser recuperados foron enterrados nunha fosa común no lugar no que, sete anos despois, se enterrarían as vítimas do HMS Serpent dando lugar ao Cemiterio dos Ingleses.

Autoría descoñecida

HMS Serpent

10 de novembro de 1890 | Punta do Boi

Na Punta do Boi encallaba o 10 de novembro de 1890 o buque inglés HMS Serpent, converténdose este naufraxio nunha das maiores traxedias da Costa da Morte.

O buque inglés partira de Plymouth con dirección Sierra Leona cando por mor dun forte temporal puxo fin aos seus días fronte á costa de Camariñas. Perderon a vida 172 persoas e só tres tripulantes sobreviviron. Os corpos de 142 homes puideron ser recuperados e foron sepultados xunto o areal de Trece, no que hoxe en día coñecemos como Cemiterio dos Ingleses.

Imaxe: www.adiantegalicia.es

Trinacria

7 de febreiro de 1893 | Baixos de Lucín

Á alba do día 7 de febreiro do 1893, o vapor inglés Trinacria topaba cos baixos de Lucín. Das 41 persoas que viaxaban abordo (37 tripulantes e catro pasaxeiras) tan só conseguen sobrevivir á traxedia sete homes, que foron socorridos pola hospitalidade dos veciños de Camariñas.

Durante os días seguintes ao naufraxio, o mar acumulou os restos na costa. Madeiros, cabos, velas e corpos en descomposición que foron imposibles de recuperar, foron incinerados dando lugar á coñecida hoxe como Furna dos Difuntos queimados.

Imaxe: www.cronicamaritima.es

City of Agra

3 de febreiro de 1897 | Baixo Canesudo

O cargueiro inglés City of Agra viaxaba dende Glasgow a Calcuta con 73 persoas abordo entre tripulación e pasaxe. No seu paso pola costa galega, o mal tempo fixo que o buque colidira co Baixo Canesudo a madrugada do 3 de febreiro de 1897. A tripulación arriou os botes e algúns náufragos puideron poñerse a salvo. Quedaron á deriva na noite ata que, coas primeiras luces do día foron avistados. 32 náufragos foron remolcados por mariñeiros de Camelle, e outros dez foron rescatados polo vapor británico Onega que pasaba pola zona.

Este proxecto conta coa colaboración da Deputación da Coruña