A Costa da Morte
O HMS Captain foi a pique a unha vintena de millas da costa de Fisterra, o lugar coñecido, habitualmente, como o último punto da sonada “Costa da Morte”, pero, que significa este título?
A orixe
O 14 de xaneiro de 1904 un xornal galego facía referencia por primeira vez ao termo “La costa de la muerte” nun artigo que falaba de tres buques naufragados na “peligrosa costa de Finisterre”. Pouco despois, en 1908, tamén en xaneiro, a escritora inglesa Annette Meakin deixou constancia no seu diario, ao chegar á Coruña, que acababa de chegar ao lugar que os mariñeiros apodaban como “coast of death”. Algunhas fontes, como o escritor Rafael Lema, afirman que xa a partir de 1890, tras a catástrofe do Serpent, comezou a recibir ese nome.


Os seus límites
Pero que é a Costa da Morte?
Orixinalmente a Costa da Morte comprendía o espazo entre o Cabo do Roncudo eo Cabo de Vilán, sen embargo, cos anos, eses límites foron facéndose borrosos. Algúns autores, como José Baña Heim, no seu libro Costa de la Muerte, historia y anecdotario de sus naufragios, percorre o litoral entre o Roncudo e Corcubión. Outros especialistas afirman que a Costa da Morte debería comezar xa nos baixos dos Baldaios, pertencentes ao concello de Carballo, pola cantidade de barcos afundidos que albergan estes fondos. E, cara o sur, incluso podería chegar ata Corrubedo, outro punto cunha alta concentración de barcos afundidos.
O motivo
Por que se denomina Costa da Morte a este espazo do litoral galego? Que o fai especialmente perigoso? Podemos afirmar que os principais motivos son tres:
- É unha zona de gran circulación de barcos. Moitos barcos europeos tiñan Galicia, o punto máis occidental da península ibérica, como referencia para cambiar de rumbo e comezar a dirixirse ao oeste, cara as américas.
- Ata non hai moito, como veremos despois, os barcos non contaban con axudas á navegación.
- A orografía do fondo mariño da Costa da Morte conta con numerosos “baixos” moi perigosos para a navegación.
Aquí, os que máis saben, son os veciños e mariñeiros da zona. Así, Fernando Carrillo, de Buceo Finisterre, contábanos que na actualidade os barcos pasan a unhas 20 millas, pero antes pasaban pegados á costa, precisamente para ter referentes á hora de navegar. E non estamos falando dun pasado moi lonxano: non foi ata despois da traxedia do vapor inglés RMS Solway (afundido preto de Baldaio en 1843) que, tras as denuncias por parte do gobernó inglés pola falta de sinalizacións, naceu o Plan General de Alumbrado de las Costas Españolas, co que xurdirían máis tarde os faros de Fisterra, Vilán, Sisargas ou Estaca de Bares.
A falta de sinalización, e a cercanía á costa, facía que moitos destes barcos se atopasen cos famosos “baixos”. Como nos contou Manuel Suárez, mariñeiro, estas formación rochosas, teñen pouco fondo, e atópanse moi cerca da superficie, polo que resultan moi falsas para os mariñeiros. Estas rochas atópanse a cinco ou seis brazas de fondo, e os grandes barcos, con un calado bastante superior aos dun barco de pesca, ao toparse con ela abrían unha brecha no casco que resultaba fatal para a embarcación.
Este proxecto conta coa colaboración da Deputación da Coruña
